Friday 03 de May de 2024

A Xunta habilita unha plataforma web en colaboración coa FEGAMP para que os concellos cumpran coa Lei de Transparencia


O Portal de Transparencia municipal estará aloxado na web www.eidolocal.gal e os concellos poderán usalo para facer pública a información aos cidadáns

A Dirección Xeral de Administración Local e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de habilitar, en colaboración coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias), unha plataforma web para que os concellos galegos teñan maiores facilidades para cumprir cos preceptos recollidos na Lei de Transparencia, que entra en vigor mañá.

O Portal de Transparencia estará aloxado na web www.eidolocal.gal e os municipios que o desexen poderán usalo para facer pública a información á que están obrigados pola nova normativa estatal en vigor. Así mesmo, aqueles concellos que optasen por poñer en marcha un portal propio tamén poderán aproveitar esta aplicación para enlazar nela as súas propias páxinas.

Pola súa banda, á Xunta de Galicia tamén está a ultimar o seu propio Portal de Transparencia, co obxectivo de telo operativo en canto entre en vigor a Lei galega de Transparencia e Bo Goberno, actualmente en fase de tramitación parlamentaria. Mentres tanto, as obrigas de publicidade activa seguen a estar a disposición dos cidadáns no enderezo web www.xunta.gal.

O Portal de Transparencia dará acceso a través dun punto único, directo e centralizado a todos os datos actualmente dispersos polas distintas webs doutros departamentos e ás novas obrigas de publicidade activa. O su acceso será gratuíto, reutilizable e dispoñible en galego e en castelán. Tamén no eido da transparencia, mañá mesmo distintos expertos analizarán esta cuestión na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no curso “A posta en marcha da transparencia activa e pasiva”.

Lei galega de transparencia
A Xunta de Galicia aprobou en Consello o pasado mes de setembro e enviou ao Parlamento a Lei galega de Transparencia e Bo Goberno, que obriga a ofrecer aos cidadáns no Portal de Transparencia unha ampla gama de información que, ata agora, nin a lei actual galega nin a estatal que agora entra en vigor obrigaban a publicar.

Así, entre outros, o Portal de Transparencia da Xunta incluirá a relación da normativa vixente, todas as relacións de postos de traballo e cadros de persoal, o número de liberados sindicais e o custo que supoñen, os acordos reguladores das condicións de traballo dos empregados públicos e os convenios colectivos vixentes ou a relación de órganos colexiados adscritos a cada departamento e a súa composición.

Tamén se informará sobre a situación financeira das contas públicas, é dicir, sobre a débeda pública da Comunidade, o tempo medio de pago das facturas no sector público autonómico, a relación dos bens de interese cultural da Xunta e o número dos vehículos do seu parque móbil, a composición das mesas de contratación e a información sobre a valoración das ofertas presentadas e todos os documentos de planificación urbanística.